XXV Día da Ciencia. Da rúa ao teatro

Publicado por a 5 mayo, 2021

O Día da Ciencia na Rúa, que se celebra desde hai 25 anos no Parque de Santa Margarita, volve en 2021 adaptado á nova situación, tras a obrigada parada pola pandemia do ano pasado. O sábado, 8 de maio, será o Teatro Colón o que acolla o evento, contando con todas as medidas de seguridade esixidas, limitando a asistencia polas restricións de aforo e coa novidade da publicación dun vídeo no que se poderán ver os experimentos presentados polos 17 centros educativos participantes.

A Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e o Concello da Coruña impulsan o evento neste ano, tras unha longa e traxectoria de éxito da man do presidente da entidade, Javier Novelle, falecido hai uns meses. O novo formato permite continuar a actividade aínda nestes tempos nos que se deben evitar as reunións multitudinarias co desexo de volver ao Parque de Santa Margarita o vindeiro ano.

O sábado o escenario do Teatro Colón recibirá a alumnado de 17 centros escolares da Coruña,  Betanzos, Cambre e Culleredo que presentarán actividades e experimentos científicos ante un público limitado ao alumnado e profesorado participante e as súas persoas convidadas. No seguintes días ao evento publicarase un vídeo no que poder gozar de todo o acontecido no interior do recinto.

As presentacións de cada centro iranse sucedendo de forma individual sobre o escenario, en 3 bloques temporais que van de 10 a 12 horas, de 12.30 a 14.30, e de 16.30 a 19 horas. Acompañarán no escenario aos alumnos e alumnas dous presentadores, Alba Aguión e David Ballesteros, dúas persoas con moita experiencia en actividades educativas e divulgación científica.

Entre as actividades que se presentarán haberá demostracións sobre a electrólise da auga; un medidor de pH con sustancias naturais; a elaboración de bioplásticos con fécula de millo; exhibición de aparellos construídos polo alumnado, como un medidor de CO2 ou un respirador artificial; xogos de topoloxía e escapismo; xogos matemáticos; experimentos relacionados con reaccións químicas, con efectos visuais rechamantes, e outras relacionadas cos elementos da táboa periódica; análise de compoñentes dos alimentos; experimentos sobre a propagación do son; ou actividades maker relacionadas co mundo forestal. Ademais, o profesorado e alumnado do IES Rosalía Mera presentarán actividades de robótica coas que farán unha homenaxe a Javier Novelle.

Os centros que se sumaron a este especial Día da Ciencia, facendo un esforzo encomiable, son: IES Menéndez Pidal,  CEE María Mariño, IES Rosalía Mera, Colexio Montespiño, Colexio Franciscanas, EI Monte Alto, EI Os Cativos, Colexio Internacional Eirís, Colexio Maristas,  IES David Buján, IES Eusebio da Guarda,  CPR Nosa Señora do Carmen, IES Elviña, CPR Andaina, IES Agra do Orzán, IES Rego de Trabe e CPR A Grande Obra de Atocha.

 

CreativeQuico