Crónica premio doantes no día da Ciencia na rúa

Publicado por a 28 junio, 2018

A Coruña, mércores 6 de xuño de 2018

A Casa do Home da Coruña acolleu esta tarde o acto de entrega de premios aos gañadores do concurso de debuxo sobre a doazón de sangue que tivo lugar o pasado 5 de maio no Parque de Santa Margarita, dentro das actividades que se desenvolveron con motivo do “XXIII Día da Ciencia na Rúa”.

Os gañadores das dúas categorías (7 a 9 anos e 10 a 12 anos) do concurso de debuxo foron: Irene Tetuá Varela e Laiba Ashir. Asemade, os nenos Paola Blanco Sánchez e Hugo Villamor Vilar, resultaron finalistas na categoría de 7 a 9 anos, mentres que na categoría de 10 a 12 anos quedaron coma finalistas Anas Manso Abergui e Lucía Martí Rosense. Todos eles recibiron os agasallos correspondente a súa categoría e diplomas acreditativos.

No transcurso do acto, que contou coa presenza de responsables da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e da Irmandade de Doadores de Sangue de A Coruña, salientouse a calidade dos traballos presentados, que evidenciaban a sensibilidade dos máis novos a prol do solidario xesto da doazón.

A directora de ADOS, Marisa López García, subliñou a importancia de incentivar o desenvolvemento de actividades destinadas a promover unha conciencia solidaria proclive á doazón de sangue entre os galegos e galegas máis novos e que se converterán nos doadores do futuro. Nesta liña, salientou a directora de ADOS, estase a traballar con centros educativos de ensino infantil e primaria de toda Galicia dentro da campaña “Mensaxeiros Solidarios” que está a potenciar o coñecemento do solidario xesto da doazón no eido educativo.

CreativeQuico